amor-de-amigo

A Exposición “De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos”, organizada pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (AEPECSA), no marco do programa “O teu Xacobeo”, en colaboración co concello de Portomarín, inaugurouse o xoves, 19 de agosto de 2021, no Concello de Portomarín, nun acto presidido polo alcalde, Juan Serrano, e o presidente da Asociación organizadora, Xosé María García Palmeiro, e no que participaron tamén a secretaria territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro Castro; o tenente de alcalde de Portomarín, Pablo Rivas, e o comisario da Exposición, Luís Celeiro.

Asistiron ao acto de apertura da Exposición as xornalistas Teresa Castelo e Chelo López Vila, naturais de Portomarín e Paradela, respectivamente; o crego e musicólogo, Xesús Mato, e un destacado grupo de veciños de Portomarín, dos concellos limítrofes e da parroquia de San Xoán de Lóuzara (Samos), á que pertence Praducelo, lugar que lle deu nome ao trobador. Todos eles, conxuntamente co presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Sarria, Jorge López, e o ex-alcalde de Portomarín, Eloi Rodríguez, valoraron moi positivamente o contido da Exposición, dos seus paneis e do catalogo.

Esta Exposición, de carácter divulgativo e itinerante, transmite e fai visible a importancia da lírica galega na Idade Media, coas dez cantigas de Martín de Padrozelos, un dos primeiros trobadores coñecidos da nosa lírica. As súas dez cantigas, nove de amigo e unha de amor, están musicadas e gravadas por A Quenlla, nun CD, “Trobador no Camiño, as cantigas de Martín de Padrozelos”, formando parte dun proxecto de AEPECSA, “Andares pola lírica de Martín de Padrozelos”.

Cada unha das dez cantigas constitúe un panel da Exposición, que conta con dous máis, un dedicado á ficha técnica da mesma e outro que contén un mapa cos concellos polos que pasa o recorrido itinerante da Exposición, onde adquiren principal relevancia os concellos da entrada en Galicia do Camiño Francés.
Está exposición estará aberta ao público, en Portomarín, ata o 30 de agosto, en horario de 9 a 14 horas, de luns a venres. Despois rematará o seu recorrido na Palloza de Quico, en O Cebreiro (do 1 ao 11 de setembro). Anteriormente estivo en O Courel, O Incio, Samos, Triacastela, Paradela, Láncara e Sarria.

Documental.- Trobador no Camiño:andares pola lírica de Martín de Padrozelos
https://www.youtube.com/watch?v=nm3bwdWrQ4Q

Fuente: Apecsa Camino de Santiago